A ruína en herdanza

Reflexión sobre a paisaxe rural galega como antimonumento

Tobogán oxidado na área recreativa de Lesta. Elaboración propia. 22 de outubro de 2016

Suxestionada en gran parte pola reflexión que Robert Smithson fai sobre a volta a Passaic, a súa cidade natal, considerei oportuno achegarme e percorrer, tentando ollar dunha nova forma, o lugar que me viu medrar: a parroquia de Lesta.

No rural galego obsérvanse tensións entre as distintas compoñentes da súa paisaxe e o mudar destas no tempo. Facendo unha dobre lectura destas realidades — a da percepción no presente a través dos sentidos  e a do coñecemento a través da experiencia e da vivencia do particular— e reflexionando sobre as causas que motivaron o seu estado actual, chégase ao concepto de antimonumento como o estado de ruína futura que ameaza a estas paisaxes.
Plano de situación da parroquia de Lesta respecto das instalacións de grande escala e infraestruturas.
A partir de Ortofoto PNOA 2014. Elaboración propia. Outubro de 2016.

O paso do tempo e as súas consecuencias ofrécennos no ámbito rural unha maior marxe para a súa observación, asimilación e reflexión. Analízanse os elementos que forman parte da paisaxe de Lesta, vendo como o tempo actuou e actúa sobre eles. Estes, organízase en tres escalas: desde a escala territorial, ata a escala do núcleo, pasando polos elementos de transición, para chegar cada un deles á asimilación do concepto de antimonumentos da paisaxe rural galega. 

Comezando polas ruínas a grande escala, destacan tres elementos: O suco do tren. En Lesta coexisten dúas realidades ferroviarias, unha en ruínas e outra con uso. A primeira delas existe no presente soamente como suco e o mimetismo deste coa natureza é case total. En cambio, coa segunda vemos como a continuidade do lugar se ve interferida pola barreira non só física do non-lugar: existe un contraste de velocidades, de usuarios, de obxectos que frecuentan eses espazos, da súa materialidade e da súa tecnificación;

Ponte da nova estrada sobre as novas vías. Elaboración propia. Outubro 2016
A aceleración da estrada. As antigas curvas, que foron rectificadas polo trazado da nova vía para permitir a súa aceleración, aparecen a un e outro lado desta. Un diálogo pasado-presente, no que o presente corrixe ao pasado mais non foxe del; 

A quietude do encoro. Un lugar onde se conxugan o contraste das percepcións temporais, cunha rotunda xeometría e escala que resalta no entorno natural, unha galería cara a paisaxe desde a que esta pode ser contemplada e unha paisaxe desde a que este elemento pode ser observado. 
Vista da vía sobre a galería do embalse. Elaboración propia. Outubro 2016
Imaxe do monumento das tuberías emerxendo nun punto da estrada que une o embalse
de Vilagudín coa Central Térmica de Meirama. Elaboración propia. Outubro 2016
Na ruína dos elementos de transición atopamos O viario sen tránsito e A herdanza parcelaria. O efecto sorpresivo de descubrir o territorio lentamente, a través da sinuosidade dos camiños perdeuse cos trazados lineares do novo viario, consecuencia directa da concentración parcelaria dos anos 80. 
Esquema dos camiños parroquiais previos á concentración parcelaria (puntos) que amosa os novos trazados (verde). Elaboración propia. Novembro 2016
Dentro das ruínas a pequena escala salienta a de A escola sen libros nin nenos:
Ruína do patio. Desaparecida a bóla, principal atracción na hora do recreo.
Baleiro o interior da escola. Inmóbil ao paso do tempo. Hermético.
A escola, a diferenza do local social, non mantén nin en parte o seu uso orixinal, nin de feito ningún outro. O funcionamento como escola unitaria mantívose ata o comezo da década dos 2000, cando tivo que ser pechada pola falta dun número mínimo de cativos. Isto contribuíu ao progresivo afastamento entre os seus habitantes xa que o nexo social que constituía foi desaparecendo á vez que o autobús escolar se afastaba cos nenos cara o pobo de Ordes.

Interior da escola na actualidade. Outubro 2016
Lesta é só un exemplo do que está a pasar no xeral na paisaxe rural galega, mais, con certos matices, pódese atribuír tamén ao rural do resto da Península e incluso ao de lugares tan lonxanos coma a América da que fala John Brinckerhoff.

O que foi.
As vivencias daquel tempo son a cada paso menos nítidas coa partida dos que as sentiron e coa chegada de elementos que alteran a percepción e imaxinación destas, pero hai algo que permanece e pasa a formar parte da historia, da nosa memoria colectiva.

O que é.
A día de hoxe, o rural Galego é unha mestura de realidades que coexisten no aquí e no agora, máis esta coexistencia na actualidade non sempre implica unha relación recíproca entre elas, unha convivencia equitativa.

O que será... será?
Á Arquitectura corresponde pensar, desde un punto de vista proxectual ou planificador, o que afecta á paisaxe así como a interacción coas estruturas preexistentes e previstas por esta e por outras disciplinas, mantendo como fin a lectura da paisaxe como un conxunto.
Somos presente, pero este presente sucédese instantaneamente con outro que neste momento é futuro. É por isto que non podemos pechar os ollos fronte ao que agarda ao nós futuro e aos que herdarán a nosa paisaxe.
Manternos inmutables tampouco parece a solución ante os preceptos temporais pero, teremos que preservar os elementos aínda discordantes da nosa paisaxe, xa que forman parte da nosa historia; transformalos para adaptalos ao paso do tempo ou desfacernos deles por consideralos inútiles?
O tempo dirá, o que lle fagamos dicir.

Sara del Río Seoane. Marzo 2017

0 comentarios: